Guía didáctica
Entre o 4 de outubro e 16 de novembro de 2024, o Salón Artesonado do Colexio Fonseca da USC acolle a exposición Cantantes Líricas Galegas dos séculos XIX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África, comisariada polos investigadores Francisco Javier Garbayo Montabes e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.
As manifestacións derivadas do teatro lírico en Galicia tiveron gran importancia nas cidades e vilas ao longo dos séculos XIX e XX. A edificación e reformas de novos teatros onde albergalas, xunto coa visita continua das compañías de ópera e zarzuela foráneas e a integración dos músicos locais nos conxuntos, foron constantes e lles deron unha especial relevancia histórica e cultural. Ao mesmo tempo que o número de representacións líricas crecía nas cidades galegas, os escenarios dos grandes teatros europeos, americanos e africanos vibraron coa presenza de cantantes galegas de nacemento ou de adopción e sentimento, interpretando os grandes roles femininos do repertorio lírico italiano, francés e alemán; tamén do repertorio español e galego, especialmente o da zarzuela, un xénero en continua procura de linguaxe propia, onde tiveron cabida as moitas aspiracións como pobo, particularmente nas contornas da emigración a América. A vinculación deste conxunto de mulleres excepcionais con Galicia, mantívose sempre presente a pesar de vivir inmersas en carreiras internacionais con longas viaxes e continuos éxitos, visitando e recordando a súa terra de xeito recorrente e sendo consideradas fillas ilustres desta terra polos escritores, críticos e ideólogos dende moi cedo.
Esta guía didáctica é froito da colaboración interdisciplinar dos investigadores do grupo de investigación “Estudios Históricos de Música en Galicia y América (ss. XI-XX)” (Organistrum) da USC, creadores da exposición; do grupo de investigación “Tecnoloxía Educativa” (TecnoEduc) da USC; e da área de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Este recurso didáctico foi concibido como unha proposta innovadora e singular que integra coñecemento experto da Música e a Historia, coñecemento experto da Pedagoxía e apoiase en Tecnoloxías emerxentes para por en valor o legado de grandes mulleres cantantes galegas que transcenderon fronteiras para brillar nos teatros mais emblemáticos del mundo. Esta guía é un recurso de apoio á exposición que, no percorrido pola sala, ofrece a posibilidade de realizar algunhas das súas actividades permitindo ao público interactuar directamente coa exposición e facéndoa mais accesible e atractiva para os visitantes que, ao tempo que mergullan na vida e a carreira destas artistas, experimentan con tecnoloxías emerxentes e interactivas e tomando consciencia do seu talento. Deste xeito, apoiándose en ferramentas de IA para o procesamento vocal como Hedra, recréanse as voces das artistas a partir de antigos retratos, ofrecendo unha mirada única ás interpretacións destas figuras icónicas. As actividades, deseñadas para todas as idades, utilizan ferramentas dixitais como códigos QR e plataformas interactivas para que os visitantes podan xogar, aprender e explorar mais a fondo a historia das cantantes líricas. Entre estas actividades destacan os xogos de memoria para asociar as voces cos retratos, a cronoloxía das cantantes e a posibilidade de colorear retratos históricos apoiándose na intelixencia artificial, invitando así aos visitantes a participar na construción visual del pasado.
Esta guía didáctica procura o acercamento cun enfoque pedagóxico innovador ao patrimonio musical e histórico recuperados polos investigadores, acompañando a todos os usuarios -indistintamente da súa idade- de forma lúdica, inmersiva e interactiva na experiencia da exposición. Partindo das orixinais e innovadoras achegas que posibilitan as Humanidades Dixitais e a Tecnoloxía Educativa hoxe, invita á reflexión en torno a célebres mulleres vencelladas a Galicia e á música galega, efemérides dedicadas ao canto lírico que levaron a ópera por todo o mundo.
A proposta abrangue xogos conceptuais de asociación tipo Que tesitura é?; xogos de interrelación, coma Descobre á cantante lírica galega ou Quen naceu antes?; e de memorización, coma Atopa a parella e adiviña quen é. Mais tamén permite experimentar a aplicabilidade das IAs en relación ás artes visuais e musicais e á Musicoloxía: o reto Dálle cor ao retrato histórico, permite descubrir como sería un retrato orixinal a color na época se existise; Caracteriza á cantante amosa como crear prompts para acadar unha imaxe ficticia, incluso de apariencia histórica, dunha cantante lírica caracterizada coma personaxe operístico, e Como canta este retrato? produce a maxia de poñer voz ás nosas protagonistas a través de gravacións e retratos históricos. A guía non deixa fóra ás redes sociais, tan presentes na sociedade actual, que son ferramenta para compartir e vivenciar conxuntamente experiencias coma esta exposición a través do Tannhäuser-Photocall.